Sabor Emprendedor ten como finalidade o fomento do emprendedurismo entre a xuventude rural e a consolidación da actividade empresarial / comercial nos sectores agrarios. A posta en marcha dun modelo de comercialización agraria baseado no fomento de circuítos cortos, aproveitando os espazos e oportunidades que nos ofertan as feiras locais e a comercialización online.

“Sabor Emprendedor” é un proxecto piloto didáctico – empresarial sen ánimo de lucro, que xorde no Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa, como resposta as necesidades tanto do propio alumnado coma dos profesionais produtores do medio no que se desenvolven: A Creación / impulso dos circuítos cortos e comercialización directa como medio para a inserción profesional dos xóvenes no medio rural. Están implicados pois, os alumnos de CFGS de Xestión e Organización de Empresas Agrarias e os Horticultores da Comarca de Bergantiños.

A natureza e/ou funcionalidade do proxecto resúmese en acadar que os xóvenes do medio rural participantes, experimenten a venda directa de produtos hortofrutícola nas distintas feiras/mercados do territorio de actuación. Ao mesmo tempo integramos aos actuais produtores ofertándolles un espazo “diferenciado” no que experimentar a venda directa. Tanto uns coma os outros serán asesorados/formados por técnicos do proxecto en canto as súas necesidades concretas (formación na venda, marketing, envasado, etiquetado...)

Os xóvenes / estudantes terán entre as súas responsabilidades (e sempre asesorados / acompañados por persoal técnico do proxecto), a loxística, entendendo como tal a xestión do stand de venda, a comercialización, a difusión do proxecto e marketing, así como a estreita colaboración cos produtores participantes.

Os produtores participantes disporán de formación e asesoramento específico naquelas áreas de maior necesidade, por exemplo en comercialización, etiquetado e identificación da produción, trazabilidade online dos produtos destinados a venda no proxecto,etc, e terán a súa disposición a infraestrutura do proxecto para a súa primeira incursión na comercialización directa.

Nesta primeria "fase" participarase coa venda directa tódolos xóves no mercado de Carballo, nunha segunda "fase" experimentarase coa venda online e a súa distribución directa.